Friday 29 de March de 2024

Anxo M. Lorenzo salienta o papel central da Feira do Libro da Coruña para fomentar a lectura e achegar o traballo de escritores ao gran público


— Agradece aos profesionais do sector do libro o seu traballo para dinamizar a actividade da cidade en verán con propostas literarias para todos os públicos

— Poderá visitarse ata o 10 de agosto nos Xardíns de Méndez Núñez cunha trintena de librarías e editoriais, preto de 120 sinaturas e medio cento de actividades entre presentacións, debates literarios ou actividades infantís

— “Estamos no momento da historia no que máis libros se publican e se consumen e Galicia achega moito a estes datos”, explica o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

— Destaca que a Comunidade é a que ten máis librerías por habitante e refírese á capacidade do circuíto de feiras do libro como escaparate das últimas novidades
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro da Coruña, unha das 13 do circuíto de feiras do libro que celebra a Federación de Libreiro de Galicia e das que a Xunta é o principal patrocinador.

Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, eloxiou o papel desta feira na programación cultural do verán na cidade. Tamén agradeceu a súa contribución por fomentar hábitos lectores entre o gran público ao tempo que divulga o traballo de escritores e editores. Anxo M. Lorenzo recordou que se trata dun compromiso compartido co Goberno autonómico, que, entre outras iniciativas, ten en marcha unha campaña durante todo o ano para fomentar a lectura.

Terra de grandes talentos
“Estamos nun momento da historia no que máis libros se publican e máis libros se consumen”, expresou. Trátase de datos do informe do Comercio Interior do Libro, da Federación de Editores, que indican que o sector editorial vendeu case un 6% máis e tamén se editou case un 7% máis de libros que hai un ano, especialmente en xéneros como a literatura infantil e xuvenil ou os cómics e tebeos. “E Galicia achega moito a estes datos”, engadiu. Igualmente lembrou que é a Comunidade con máis librarías por habitante, e que, segundo o INE, lese máis que antes. “E, ademais, a nosa é unha terra con grandes talentos como demostran os preto de 20 premios nacionais na última década”, declarou.

A Feira do Libro da Coruña que contou como pregoeira coa poeta e escritora coruñesa Bibiana Candia, poderá visitarse nos xardíns Méndez Núñez ata o 10 de agosto en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,30 a 21,30 horas. Intégrana un total de trinta espazos entre librarías e editoriais e haberá preto de 120 sinaturas nas casetas e máis de 50 actividades: presentacións, debates literarios e encontros, así como actividades infantís e musicais.

Políticas públicas de apoio
O apoio a estas feiras enmárcase no compromiso e o apoio do Goberno galego ao sector a través de distintas liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que superan os 2M€. Ademais, retomouse a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais como a de Bos Aires ou iniciativas como as residencias literarias de intercambio profesional, entre outras.

A da Coruña é a última parada que este ano fai o circuito de feiras pola provincia. O resto de agosto viaxará á provincia de Lugo, concretamente en Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 18 ao 21) e Monforte de Lemos (do 24 ao 27). Nos últimos meses xa tivo presenza en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Vilalba, Ourense, Vigo, Ponteareas e Rianxo.